Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Brión organiza unha viaxe para facer a Ruta das Minas e do Ferrocarril na Pontenova (Lugo) este sábado 11 de xuño


O Concello de Brión organiza este sábado 11 de xuño a que será a súa cuarta ruta de sendeirismo da temporada, que terá como destino a Ruta das Minas e do Ferrocarril, no concello lucense da Pontenova. Unha andaina de 17 quilómetros de dificultade baixa, polo que está recomendada para todas as idades e condicións físicas.

Este roteiro discorre ao longo do que fora a antiga vía do tren que comunicaba a principios do século XX as minas de Vilaoudriz co porto de Ribadeo, no que se poden admirar varias pontes e túneles, así como zonas de natureza en estado puro. Ademais, os sendeiristas poderán coñecer as minas de Vilaoudriz, unhas célebres minas de ferro que cesaron a súa actividade a mediados dos anos cincuenta e das que se conservan en perfecto estado cinco altos fornos de calcinación. Unha contorna recuperada e convertida en monumento e exemplo do que foi no seu día a fábrica e a actividade mineira.

O Concello de Brión oferta 52 prazas, que serán outorgadas por rigorosa orde de inscrición na Casa da Cultura ou no teléfono 981 50 99 08 (ata as 14:00 horas do xoves 9 de xuño). A cota de participación é de 10 euros por persoa. O autobús sairá da Carballeira de Santa Minia ás 08:30 horas para conducir aos participantes cara ao lugar de inicio da marcha, que se prolongará durante toda a mañá e parte da tarde, polo que hai que levar almorzo tipo pícnic.